Atopados na na Biblioteca Ampoliana da Universidade de Erfurt seis sermóns ata agora descoñecidos de Agustín de Hipona (354-430), un dos máis importantes pensadores do cristianismo e un dos catro Pais da Igrexa Occidental, xunto con Ambrosio de Milán, Xerónimo de Estridón e Gregorio Magno .Os manuscritos permaneceron seiscentos anos sen seren descubertos, entre un feixe de 633 volumes doados en 1412 polo humanista Amplonius Rating de Berka.
O volume onde se atoparon os traballos de Santo Agustín é unha copia manuscrita que data da primeira metade do século XII, probablemente feita en Inglaterra e que contiña un total de 70 prédicas. A Inglaterra deberon chegar dende o Sur de Italia quizá nos séculos IX ou VIII d. C, segundo os investigadores e descubridores do achádego, os doctores Isabella Schiller, da Universidade de Viena, Dorothea Weber e Clemens Weidmann.
Os investigadores atoparon os seis novos sermóns xuntados a outros 20 xa coñecidos como auténticas e asemade, a outros non lexítimas que se recompilarían nun círculo próximo a Santo Agustín e que foron atribuídas ao Doutor da Igrexa.
Tres dos seis manuscritos confróntanse co problema das esmolas. O tema non era menor na súa época, pois se trataba do dubidoso e difícil problema da relación entre a riqueza material e a salvación dos pecadores. Os sermóns vencéllanse a obras habituais na época que tentaban lexitimar esta práctica para obrigar os crentes a manter o seu compromiso coa igrexa, destacando o vínculo entre riqueza material, absolución de pecados e a salvación espiritual.
Segundo deron a coñecer os investigadores, Santo Agustín tamén trata acerca das obrigas dos sacerdotes para coa súa comunidade, das festas en conmemoración de mártires cristiáns como Perpetua e Felicitas, botadas ás feras salvaxes no anfiteatro romano o 7 de marzo do ano 202 durante as celebración do aniversario do emperador Geta. Outro sermón incide nos festexos dedicados ao mártir Cipriano de Cartago (210-258), que para Santo Agustín Agustín xa dexeneraran nunha festa case pagá de borracheiras e excesos.
O que parece máis interesante pola súa descrición é o chamado "quinto sermón de Erfurt" no cal Santo Agustín discute a realidade da resurrección dos mortos e nas que insiste sobre a verdade das profecías bíblicas, algunhas das cales xa se terían cumprido.
Os textos serán publicados proximamente polos investigadores na revista Wiener Studien. Zeitschrift für Klassische Philologie und Patristik und lateinische Tradition








